JazzBoda - Perfiles

Xan Campos

Pianista. Nace en 1987 en Cangas. Iníciase na música con seis anos da man do seu avó e posteriormente comeza os estudos de piano no conservatorio desta vila. O seu primeiro contacto co Jazz prodúcese grazas á posta en marcha do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, con Paco Charlín e Abe Rábade, no que participa durante cinco edicións.

Ao rematar os seus estudos de Grao Profesional de piano clásico trasládase ao Musikene de Donosti para realizar o Grao Superior de Jazz, onde é o alumno máis novo en licenciarse, con 21 anos.

Ao longo dos últimos anos, Xan Campos actuou nas salas e festivais máis importantes de toda a península. Compartiu escenario e estudo con varios dos intérpretes máis recoñecidos do panorama jazzístico internacional como Logan Richardson, Marcus Strickland, Lage Lund, Walter Smith III, Ambrose Akinmusire, Marcus Gilmore, Perico Sambeat ou Matt Brewer.

O seu último traballo, "Orixe Cero" (Free Code Jazz Records, 2011) foi elixido por varios medios especializados como Distritojazz ou Ahora Jazz entre os mellores discos do ano a nivel internacional.

Formacións destacadas